quarta-feira, 28 de julho de 2010

Discurso da presentación en Santiago o 24 de xullo


“Penúltimo Acto” quere agradecervos que esteades aquí connosco, para celebrar a nosa primeira presentación do noso primeiro (valga a redundancia) libro colectivo de poesía. Estar en Santiago nun día coma hoxe, tan sinalado... véspera da Patria, é un pracer. Tamén unha grande honra, máis aínda facéndoa en Sargadelos que representa unha icona na cultura galega.
Compostela como capital da Nación, tiña que ser a cidade elixida para comezar a nosa andaina de presentacións por toda Galiza. Esta colleita de versos dos tres integrantes do “(grupo de acción poética): Enrique Leirachá, rosanegra e Cruz Martínez. Intenta ser a palabra que reflicta a contorna na que vivimos, nunha sociedade rota polo individualismo e pola intolerancia idiomática. Nós pertencemos a esa parte importante de galegofalantes que son vítimas da imposición, discriminación, por só falar en galego... lingua mater, lingua histórica, lingua colectiva e da memoria dun pobo.
Por iso, hoxe é un día feliz. Hoxe reivindicamos de corazón, o noso compromiso coa loita. Grazas queridas amigas e amigos por compartillar este día emblemático. Por acompañarnos e facer que nunca esquezamos esta presentación.
“Penúltimo Acto” (grupo de acción poética) desexa que gocedes destes poemas e que mañá, 25 de xullo, atrone Galiza enteira nun sismo co epicentro en Santiago. Percorrendo todos e cada un dos recunchos da terra para escoitarmos e escoitaren as voces que ao unísono cantan o Himno Galego, ondeando con orgullo unha bandeira e un idioma de seu.
Nestes tempos escuros, as verbas de Pondal adquiren máis forza...

“Galegos sede fortes
prontos a grandes peitos
aparellade os peitos
a glorioso afan
fillos dos nobres celtas
fortes e peregrinos
luitade polos destinos
dos eidos de Breogan”

Sem comentários:

Enviar um comentário